Jorge Varela | Ollo devorado

20140227-130355.jpg

Hai que supoñer que en cada pequeno fragmento do mundo hai unha representación a escala do mundo todo. Roland Barthes aseguraba (máis ou menos) que interpretar unha caixa de mistos era interpretar a sociedade que a producira. Cando Barthes chegou a esta conclusión a dobre hélice do ADN era case fantasía. Agora sabemos que si, que en cada parte hai un retrato codificado do todo. En cada parte dos noventa hai un retrato dunha década moi cargada de ficción e de cambios. Jorge Varela explica que 93 é un bo retrato da década que viu o nacemento do CGAC. Un retrato complicado de facer, pero que rexistra as marcas dun tempo que pode analizarse desde o seu discurso.
Varela explica que a arte debe “axudar a ter outro punto de vista, modificar a imaxe que temos do mundo”. O artista explica que, en xeral, a arte está cumprindo con este cometido, “vai cambiando segundo cambian as circunstancias”. A demostración desta actitude témola en que nos últimos anos “foron gañando peso os argumentos preocupados polo común e polo social” e esta variación no rumbo afectou tamén aos elementos estéticos porque “unha arte máis reivindicativa precisa de maior complicidade, ten que ser máis efectiva en termos de comunicación e iso repercute en rebaixar algo os discursos estéticos ou artísticos”.
Pero aínda entendendo a rebaixa como achegamento ao público, como unha búsqueda imprescindible da efectividade das mensaxes, Jorge Varela considera que segue habendo “unha barreira de desconcertos entre a arte contemporánea e os públicos”.
Ten un mapa de razóns que comeza pola imaxe dunha ollada devoradora que consome as obras dun museo. “Miran a unha velocidade que o devora todo. Unhas veces páranse e outras non”. Varela pide un pouco máis de implicación, pero tamén entende que esta non se consegue sen algunhas explicacións aparelladas. “Moitas veces non se lle ofrece aos espectadores ningunha explicación sobre o que están mirando e iso imposibilita a súa capacidade de manobra, déixaos un pouco sós”. O artista amplifica a escala e desde os textos que deben acompañar as exposicións pasa a sinalar que a crítica utiliza “unha linguaxe pouco comprensible, destinada a xente iniciada e que provoca que os espectadores acaben por sentirse fóra, se non entras nese discurso quedas excluído”.
En cada parte do discurso hai unha representación do discurso total. En cada fragmento do discurso está escrito o código completo. Tamén pode suceder, pola mesma lóxica das causas comúns, que no comportamento de cada espectador estea representado o comportamento de todos os espectadores.

Con Jorge Varela Barrio

Peza: Sen Título. Xosé Carlos Barros.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s