Araceli González Fernández | Un camiño ten dúas beiras

DSC01554Se aceptamos o que din os simples o mundo só ten dúas posibilidades. Dino como como meta cando, en realidade, é un punto de partida. Son binarios que, como moito, é só o seguinte nivel a ser primarios. Pero aceptemos que si. Que a socialdemocracia é un invento tan caro como a medicina universal e que o mundo só ten dúas posicións: arre ou xo.
Cando o mundo entra en formato binario soe pasar que nós pensamos unha cousa e o resto outra. Esta é unha postura. A outra é que aceptemos o que di a xeralidade sen máis remilgos. As actitudes son simétricas, con ese aire que tanto presta na política de baixa estafa e en todas as guerras: estás a favor ou en contra. Os intermedios non existen. É moi canso.
Araceli González Fernández cre que non hai que resignarse a única interpretación da arte contemporánea, especialmente cando esa interpretación está máis baseada nas capacidades intelectuais que nas emotivas. Explica que o público en xeral entende a arte contemporánea como unha interpretación fría das cousas, como un xogo intelectual que descarta a posibilidade de sentir ou a posibilidade de entender emocionalmente. E rebélase contra esa interpretación porque cre, por un lado, que está moi lonxe da realidade e, por outro, porque fai que os espectadores perdan cousas.
A intelixencia emocional, como a terceira vía, entrou no vocabulario social nos anos noventa. Anos de ricos, como sabemos agora grazas a quen traballan como capataces da banca. Foi entón, pero desde outra perspectiva, cando comezaron a contarnos que había unha capacidade emocional para entender e que tamén se entrenaba. Que tamén demostraba un grado ou outro dunha intelixencia que non era numérica. Desde os noventa perdimos algo de status e algo de práctica en case todas as cousas. Pero Araceli González Fernández reclama a disposición emotiva da arte contemporánea: “din que é un tipo de arte fría, que require de argumentos ou datos, pero eu vin xente emocionarse coa obra de Jeff Wall no CGAC“. Por aquel entón, Araceli González guíaba ás visitas do Centro e tiña experiencia de primera man sobre como é a reacción dos espectadores ante a arte contemporánea.
Pensa que hai moitas posibilidades na arte contemporánea para establecer unha ligazón emocional cos espectadores. Que, en certo sentido, “hai que explicar a súa capacidade de contar emocións e de provocalas”, explicar que é posible “entenderse con ela sen necesidade de procesos intelectuais”. Non descarta que, mesmo en ocasións, a arte contemporánea sexa máis emocional que outra cousa, pero que os espectadores non sempre queren deixarse levar polo que iso supón.
A intelixencia emocional non é algo que teñamos moi cultivado. Parece unha asignatura das que van pasando de xuño para setembro, das que suspendemos sen que ninguén se inquede tanto como para mandar parar. Algo que perturba a nosa relación coa arte contemporánea, pero menos do que perturba a relación coa sociedade. Parece máis fácil aceptar que somos binarios e que as outras opcións son só para os poderosos. De que só hai dúas posibilidades. E agora toca arre.

Con Araceli González Fernández.
Obra: Sem Titulo. (Da série Marqueses). Ângela Ferreira.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s