Anne Merkel | Erre que erre

DSC01557
Estamos moi seguros de que a imaxe que devolve o espello é a nosa. Esta certeza debe formar parte dos seguros cos que a bioloxía dá cobertura ás nosas limitacións. Por exemplo: a memoria enche as lagoas dos recordos para evitar a inseguridade que provoca non saber. Con esa mesma convicción miramos un espello e estamos seguros de ser nós como se en algún momento soubésemos realmente quen somos. Anne Merkel sabe de onde vén. A pregunta de quen é pode respondela no mesmo sentido que o resto da humanidade: enchendo baleiros, confiando na ficción e, sobre todo, utilizándose a si mesma como un espello para o resto do mundo. Ás veces cremos contestar, pero están contestando por nós. Porque unha das grandes verdades da humanidade é a que garante que cando nós calamos alguén fala por nós.
Anne Merkel podería ser un espellismo. Pero teríamos que revisar o carácter do fenómeno. Porque un espellismo non é a falsa imaxe dun espello senón unha imaxe irreal percibida como real. Un espellismo é máis o cine. Anne Merkel podería ser unha imaxe de cine. Cine dos sesenta pasado pola potencia do consumo, estilismo amañado pero popular, con gusto e sen moito gasto. Unha difícil combinación de cousas marcada por un cambio fundamental dos oitenta para acá. Antes, estrear roupa era sinónimo de domingo, festas de gardar ou morte na familia. En certo sentido era tamén síntoma de vestir mellor. Non digo ben. Pero despois de Inditex un pode estrear a diario e non sempre é para mellor. Merkel, con ese apelido organizado, tenta poñer orde nesa desorganización de poder estrear en día de semana. Tenta poñer xerarquía aí onde a explotación das costureiras puxo a desorde de clase.
Considera que xusto xerarquía é o que falta na arte contemporánea, pero non o di polo CGAC en concreto nin por ningunha exposición en particular. Tamén advirte que non entende da contemporaneidade artística. Non é que non entenda, é que non confía: “non distingo moi ben onde está a fronteira entre a arte e a ocorrencia”. Esa falta de fronteira ten causado, segundo a súa interpretación, algunhas perturbacións na percepción. “Esa mestura sen distinción ten prexudicado o xeito no que o publico valora a arte: acaba por pensar que todo pode ser ocorrencia”. Pero Merkel vai un pouco máis alá no sistema de espellos e apunta que a alta costura pode ter un comportamento similar pero “nas pasarelas está claro que é para exhibir e que é para poñer”. Apunta Anne Merkel, como nun bipartito, a dúas opcións: unha arte disposta ao seu uso diario dos xeitos máis variados (emotiva, intelectual, poética, ironicamente) e a outra que ten como cometido chamar a atención, provocar ao espectador aínda que non sexa sempre do xeito máis elegante. Explica que nos dous casos hai algúns comportamentos comúns: “ás veces é difícil de entender e non entender é un lastre que acaba pairando sobre os espectadores”.
Non sempre entendemos a imaxe dos espello, aínda que pensemos que é a nosa. Como demostran os resultados electorais, non entendemos a contemporaneidade aínda que vivamos nela. Pero se te peiteas antes de mirar ao espello non é que non confíes no espello, é que non confías en ti.

Con Anne Merkel.
Peza: Las cosas simples. Francisco Ruiz de Infante.

Advertisements

One thought on “Anne Merkel | Erre que erre

  1. Pingback: ¡Calla, Anne, Calla! | Anne Merkel

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s