Edu Valiña | Marcas contemporáneas

Edu ValiñaA Edu Valiña as cousas pícanlle como os toxos. Como ir camiñando polo monte cando os toxos están altos e un lembra porque se fixo urbanita a pesar de que todo o mundo advertía que había que volver ao campo. Valiña cre que seguimos no campo, pero non queremos entendelo. Que seguimos no campo pero disimulamos. Que seguimos aquí, no campo, pero non deixamos de engañarnos a nós mesmos. Con posturitas, con postureo.
Como a arte está condenada a ser un espello tremendamente fiel non é posible que non reflicta esta idea de que en canto rascas na superficie dun galegx non apareza o campo. Hai veces que está tan presente que son necesarias toneladas de citas de autores estranxeiros para tentar disimulalas. En Galizia, cando levantas os adoquíns non aparecen as praias, aparece o monte. É unha lóxica inevitable, coherente, brutal. A lóxica suprema.
Pero a lóxica ten fírgoas. Apuntalas é un dos cometidos da arte que o artista fai extensible ao CGAC. Edu Valiña considera que hai que evitar os traballos únicos, as lecturas únicas, os entendementos únicos, os votos únicos porque a realidade non é así: “dar visións alternativas é un dos traballos dos artistas”.  O artista batalla contra a uniformidade que entende como unha simplificación de fenómenos que son tan complexos como os mecanismos de supervivencia, como a sucesión das estacións ou como o mundo se complica a vida deixando que gobernen quen ten máis intereses en lugar de que o fagan quen ten máis sentido.
“A arte ten que estar en contra da visión única”, explica Valiña, pero advirte que hai unha trampa neste cometido. Que hai un erro que impide que a estratexia funcione: “Se a arte debe ofrecer alternativas de interpretación ao que sucede, pero esas alternativas non son percibidas polos espectadores, non se está cumprindo coa función artística”.
Este incumprimento débese a factores variados e non esquiva na interpretación un exceso de hermetismo nos traballos dalgúns artistas que quizais responda a unha fórmula un tanto simple sobre o seu propio traballo “parece que canto menos público tiveras máis artístico fose o traballo que estás facendo, como se foses máis artista canto menos espectadores participasen”. Outra posibilidade, entre moitas, é “o contexto de cada lugar”. Valiña considera que esta é unha forza que “pesa sobre todos os traballos artísticos, na creación e na divulgación”. O contexto do contemporáneo en Galizia está limitado porque “o contemporáneo en Galicia é unha decisión dos docentes”. Ata tal punto a fírgoa é grande que explica que en moitas ocasións “galego e contemporáneo parecen cousas contrarias”.
Onde a fírgoa se converte en abismo, segundo a perspectiva de Valiña, é na relación entre identidade e arte contemporánea. “A cuestión identitaria non está moi ben entendida na arte contemporánea galega, ata o punto que hai unha certa visión xeral que considera que os argumentos identitarios limitan a capacidade artística”.
Os toxos pican porque o espíritu do paseante non é o ideal para subir ao monte. Como non é o recomendable para os espíritus artísticos. O toxos pican porque o mundo os fixo así. Resistentes e rebeldes. Non hai lugar para comparacións cos galegxs.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s