Ana García Sánchez | Intelixencia emocional

DSC01563

Todo precisa de explicación. Colocar as bebidas no frigorífico, o peixe fresco, as rutas de fuxida, como coidar a batería dun smartphone, por que baixar os soldos é bo para a competitividade pero limitar os beneficios non. Todo necesita ser explicado. As eleccións hai que explicalas antes e, sobre todo, despois de votar. Incluso as verbenas necesitan explicación.  Todo necesita unha explicación e todo ten unha explicación. Outra cousa é que deamos con ela. Que queiramos dar con ela. A veces queremos e a veces non.  Isto tamén precisa de explicación.
Ana García Sánchez pensa que as exposicións de arte contemporánea precisan de algunhas expliacións. Dunha sucinta información de contexto que guíe ao espectador e que, chegado o caso, o espectador poida mesmo rexeitar. Tampouco pide moito, “dous parágrafos que sitúen un pouco as pezas, que orienten ao espectador sobre unha posibilidade de mirar”. A petición explícase mellor atendendo a cal é o motor que a leva ata ás mostras. Atravesa as portas dos museos levada da curiosidade: “busco cousas que me fagan pensar, as pezas que me gustan máis son as que despertan máis curiosidade e busco afondar un pouco no que sei delas. Aí é donde boto de menos algúns datos que estean ao alcance directo do público”.
Provocar a curiosidade e facer pensar son dous (ou quizais un) dos grandes cometidos da arte contemporánea para García Sánchez. Cre que, en realidade, son dous (ou quizais un) dos grandes de calquera actividade cultural. Pero este mesmo oficio ofrece algúns problemas no inevitable espazo de encontro cos espectadores. “Dar que pensar é algo que a arte pode facer moi ben, pero este feito non é moi ben comprendido entre a xente, que ten algo de preguiza de ter que estar obrigada a pensar”. Neste sentido tamén entende Ana García Sánchez que unhas notas “contribuirían a liberar aos espectadores desa presión de ter que ir obrigatoriamente sabidos”. “Falta un pouco de vontade no público”.
Incluso aceptando esa vocación pola maquinaria de pensar, non cre que a arte contemporánea sexa tan intelectual como a cartelería do mundo quere facer pensar. Despois de visitar o CGAC, e esa mostra que conmemora o seu aniversario, considera que a arte “é reflexiva desde o emocional”. Desconfía algo das mostras moi grandes porque presionan ao público “coa cantidade de pezas que ofrecen, pola duración dos vídeos e porque tamén pode resultar difícil poñer en relación tanta información de artistas moi diferentes nunha soa mostra”. Non pensa que sexa un problema de cambios de soporte, de materiais diferentes, de linguaxes máis ou menos poéticas, apunta máis e unha vez máis cara a unha certa organización do que o público debe ser cando comeza a mirar. Ese punto de partida que o saber popular resumía afirmando que ninguén nace aprendido. Unha boa pedagoxía pode acabar coas dúbidas. Incluso coas intelixentes.
A arte contemporánea necesita dunha explicación, pero non porque sexa material de elites, asunto de iniciados ou postureo con disculpa intelectual. A arte contemporánea precisa de explicacións porque todo precisa dunha explicación. Quizais queda unha dúbida: dar explicacións pode ser pedantería, pero non dalas pode ser soberbia. O resto é principalmente ignorancia.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s