Tito Lesende | Contra recuncar

DSC01569Hai unha guerra en marcha, pero non é como as de antes. Ou a perspectiva do tempo engana ou antes estabas dos lado das vítimas ou do lado dos asasinos. Podías, por momentos, ser unha vítima que asasinaba para evitar que os asasinos cumprisen co seu oficio. Agora non. Agora hai unha guerra en marcha e cada un de nós somos executores e vítimas a un tempo. Quizais sexamos executores virtuais e vítimas reais ou viceversa. Pero non sempre somos quen de poñer en relación a causa e o efecto das dúas circunstancias.
Tito Lesende está preocupado pola contemporaneidade das cousas. Considera que a arte de agora “ten que ser contemporánea ou, do contrario, todo é un recuncar”. Podemos darlle media volta, ou a arte de agora se ocupa das cousas de agora coas linguaxes de agora ou todo será seguir no pasado.
Tito Lesende está preocupado por establecer un diálogo en igualdade de condicións coa contemporaneidade artística pero non tanto porque encontre defectos na arte (que os encontra) como por deixar claro que a súa contribución ao diálogo realízase desde o profano, que non é necesariamente malo, ou desde certa perspectiva estereotipada que en ocasións pode ser entendida como defensiva diante das irregularidades cualitativas de segundo que tipos de propostas. Desde este lugar da observación, Lesende pregúntase “se algunhas pezas non son cousas que sobran no galpón que responden quizais a un dióxenes ao revés?”. Trala desconfianza, volve a explicar que non é “experto” e quizais suceda que non sempre “entendo a suxerencia”. Nesa visión acumulada da contemporaneidade como faiado hai elementos formais que percibe, “entendo o obxectivo que persegue a arte, ás veces pillo a mensaxe, e o resultado que provoca en min é certa curiosidade”.
Pero unha cousa é a conversa e outra cousa é qué debera ser a conversa. Unha cousa é a guerra e outra é o papel que debería ter a guerra. Para explicarse Lesende fai un bipartito sobre dous grandes áreas operativas: a que transmite información e para este caso se pode considerar obxectivas e as que teñen un carácter poético e son subxectivas. Como espectador ten menos problemas coas primeiras que coas segundas “e non é por falta de interese”. “Non sempre pillo a poesía”.
Pero quizais a guerra estea no contexto. Esa guerra que vai do xeral ao particular e volve sen ofrecernos unha guía para o traslado. “Cando a arte contemporánea utiliza obxectos rutineiros, cando un caldeiro de fregar é unha peza por exemplo, a mensaxe é máis opaca para min”. O argumento parece desaparecer no combate do cambio de contexto porque non “abonda con cambiar un obxecto de sitio para que signifique unha cousa diferente”. Lesende advirte, “pode ser ocorrente, pode ser bonito, pode resultar agradable de ver e non me fai mal darlle algunhas voltas a esa presenza, pero non acabo de conectar”.
Hai unha guerra en marcha. Pero igual non é nova. Só se complicou máis. Esa guerra que non permite que saibamos cal é o lugar de cada cousa e o significado de cada acción. Esa guerra encuberta na que nos mintan con moita máis soltura da que somos capaces de mentir. Aínda peor: unha guerra na que só din porcentaxes insubstanciais da verdade e nós, como moito, podemos responder con grandes verdades que non significan nada. Unha guerra das aparencias. Porque non habería que descartar que un caldeiro con auga nun centro de arte contemporánea só anuncie que alguén está a punto de fregar.

Con Tito Lesende
Peza: United Killers of Sarajevo. João Louro

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s