Manuel Eirís | A relación coas cousas

DSC01579
A confusión deixou de ser un malentendido para converterse nunha circunstancia. Vivimos baixo o bombardeo indiscriminado de imaxes, argumentos, reclamos, ideas, palabras, mentiras a medias, xestos incompletos e un constante facer coma quen que teñen en común todos eles a estratexia de deixar as súas marxes en territorio indefinido para que a súa descualificación non poida ser categórica. A ambigüedade programada pode ser intelixencia ou cebo, habilidade narrativa ou discurso tramposo. Pode ser territorios ocupados ou despiste para incautos. Non é claridade. Aquí comezan os problemas. Entre todas esas confusións dos bombardeados persiste a da relacións coas cousas. Crer que posuílas é un xeito de entendelas, pensar que entendelas é un xeito de posuílas. Calcular que a nosa relación particular coas cousas responde a un criterio xeral. Calcular que todo é cousa. Que todo é un obxecto e está diante de nós pasivo, agardando.
Manuel Eirís considera que a sociedade presiona máis á arte contemporánea do que esta á sociedade. Que esa presión ten moitos medios e pouca paciencia e que, en certo sentido, a arte contemporánea (por máis difuso que sexa a colectivización) déixase intimidar por ela.
Manuel Eirís explica que na arte contemporánea hai linguaxes, que no seu traballo como artista hai unha linguaxe pero para que esta chegao aos espectadores “ten que darse un proceso que non sempre ocorre”. O artista recoñece claramente a distancia que vai entre unha proposta artística e a recepción que consegue entre o público. Primeiro defende o seu traballo como “unha expresión cultural necesaria”. Logo sinala que nese transo entre a emisión e a recepción hai dificultades, impedimentos, prexuízos. Algúns son inducidos, “os espectadores están demasiados afeitos ao consumo instantáneo, pero non se pode ter esa actitude para a arte contemporánea: A arte contemporánea non é fast food”. Desde aí pode entenderse, segundo Eirís, a progresión dun cliché sobre dificultades de comprensión que se vai retroalimentando “con tópicos e informacións que buscan a cara ridiculizable da arte”. A partir de aquí “o espectador chega á arte contemporánea nunha condición que, en moitos sentidos, o predispón case á contra do que vai ver”.
O artista reclama outra actitude para os espectadores do CGAC ou de calquera outro espazo contemporáneo. “É necesario que dean un paso para saír da influencia dos tópicos, é un salto difícil porque en realidade require un exercicio de confianza e de vontade por parte do espectador”. Un exercicio que non sempre se solventa desde un coñecemento previo ou desde o manexo dunha información completa, “ten que ver tamén cun xeito de darlle un tempo porque a arte contemporánea non ten que ter unha lectura instantánea e unha visión sosegada favorece moito a súa relación co público”. Eirís non desbota que un espectador poida facerse “unha idea instantánea mirando unha obra, pero logo é necesaria unha ollada crítica para avanzar máis nos significados e esta outra visión require dunha certa afinidade, dunha certa persistencia e tamén de avanzar un pouco a cegas porque non coñecer a un artista non quere dicir automaticamente que a súa obra é hermética”.
Para Manuel Eirís, “concederlle tempo a observación” é unha das atencións que se deben reclamar aos espectadores porque a arte “é unha ferramenta de comunicación e un espectador e un artista son a mesma cousa en momentos de tempo diferentes”. “Os dous establecen unha relación coas cousas e esa relación non é tan distinta”.
Entre as nosas confusións, entre as confusións da especie co entorno, está a moi común de calcular que todo é obxecto e que os obxectos están aquí para obedecernos. A mesma confusión que nos leva a pensar que é máis fácil relacionarse cos obxectos que con outros humanos.

Con Manuel Eirís.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s