Antía Montero Brandariz e Jorge González-Cebrían | Rareza, fascinación

DSC01585Os tempos están cambiando. Non paran. Fronte a esa idea que a xente cambia máis rápido que os tempos, unha idea quizais artística, a realidade parece suxerir o contrario. Que os tempos cambian con tal rapidez que nunca estamos á súa altura, que uns van dous pasos por detrás, outros levan unha hora menos en Canarias e algúns estamos aínda na semana pasada, tentando entender por que fan pasar por realidade o que simplemente é convención. Atrapados na fascinación do deterioro, amarrados ao duro banco de que a normalidade é unha rareza que ninguén valora. Nin a arte nin a comunidade que a ignora.

Nese territorio, entre a fascinación e a rareza, miran Antía Montero Brandariz e Jorge González-Cebrían como sucede a arte. Pasan polo CGAC e recoñecen a dicotomía vella entre entender e admirar o resplandor do misterio. Entre a contudencia das mensaxes claras, quizais explosivas, e o atractivo da ambigüidade cando está ben manexada. Para Jorge “cando o espectador entende o que lle están contando establécese unha comunicación directa que quizais sexa o auténtico fenómeno da arte”. “Alguén está contando iso que estás atendendo e isto é unha forma de arte”. Ela, Antía, introduce a idea da ambigüidade como un obstáculo, “cando hai algo que pode ter moitos sentidos, ou que non ten un claro, quedo un pouco distante, faime dubidar porque quizais non sempre o ambigüo é buscado”.  Ela busca que o que mira “transmita algo e podo entender que se busca traspasarme unha dúbida ou unha variedade de significado, pero hai ocasións nos que me parece que non está claro e que o artista quizais tampouco o tiña claro”.

Para el, esa frialdade un arma de dobre fío porque esa distancia “pode impedir que a mensaxe chegue, que a obra se entende, se gardas distancia non sempre podes situarte no lugar de comprender”.  Pero Jorge engade outro aspecto sobre as dificultades de recepción. Un manexado con máis solturas en épocas cando os costumes e as circunstancias permiten a aventura e, quizais, o relaxo nos cometidos. Unha actitude que xoga un papel na oferta e na demanda. A fascinación pola rareza. “En ocasións pode ser que a mensaxe sexa provocar no espectador a atracción polo que non se entende”, explica Jorge antes de advertir a gran trampa do exclusivo “se a mensaxe chega a todo o mundo pérdese a rareza”.

O verdadeiramente raro é que algo sexa de comprensión universal e non perda polo camiño o prestixio cultural. Este non é un fenómeno artístico exclusivo. É un escalado de aplicación dos valores numéricos da economía ao resto. Unha aplicación selectiva: se está ao alcance de todos non pode ser bo. É un procedemento que se apreza claramente nos restaurantes caros e nos concesionarios de automóbiles, pero que se aparece intelectualmente en puntos tan distantes como a arte contemporánea ou o rock and roll. Se é para maiorías non vale. Ten os seus riscos, claro. O insufrible postureo dos exquisitos como mal menor ou esa idea de que, en realidade, por máis asambleas que fagamos sempre haberá unha elite que acabe por asumir a toma de decisións, a dirección do discurso ou o ton estético das cousas, entendendo estético como unha categoría case moral. Estamos aí. Pero a fascinación da rareza debería levarnos a ese punto de que o verdadeiramente raro agora e sempre é o de todos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s